lunes, 27 de mayo de 2019

28 de maio: ¡Noticia bomba! de Evelyn Waugh

O libro que comentaremos o vindeiro martes dá un xiro ao noso percorrido. Da literatura en español pasamos á máis pura literatura british. Da novela intimista á novela de humor. De feito, ¡Noticia bomba! (Scoop, 1938) de Evelyn Waugh está considerada un dos cumes deste subxénero no que no Reino Unido son mestres, con nomes como Bernard Shaw, Chesterton, Wodehouse...

Concretamente Evelyn Waugh (1903-1999) cultivou o humor en textos como Decadencia y caída, Cuerpos viles, Merienda de negros ou Los seres queridos. Entre o gran público, grazas á exquisita serie da BBC, quizáis é máis coñecido por obras como Retorno a Brideshead (1945), na que se disecciona a clase noble na persoa de Lord Sebastian Flyte. Evelyn Waugh, que participou como comandante na II Guerra Mundial, tinxiu de máis seriedade a súa obra despois desta dura experiencia. Un ano antes da súa morte publicou Un aprendizaje mínimo, a súa autobiografía. Alí falou da súa estadía en Abisinia como correspondente de guerra, aspecto que aproveitou no libro que estamos a comentar. ¡Noticia bomba!

Efectivamente nesta obra  ponse o foco no mundo do periodismo. Concretamente a través da figura de William Boot, que por culpa dun erro provocado pola homonimia, pasa dun plácido transcorrer na campiña inglesa rodeado de parentes excéntricos, á primeira fila nunha guerra en África.
Cun intelixente sentido do humor Waugh critica a manipulación que os periódicos fan da realidade, especialmente por parte dos correspondentes de guerra, capaces de escribir dunha guerra antes de que esta se produza. O cuarto poder é radiografiado pero non deixa títere sen cabeza. Presenta a división política do mundo entre o fascismo das "Camisas Blancas" e o bloque soviético. E dirixe a súa cínica mirada contra o propio imperialismo británico en frases xeniais como: 
"Es un país sin el más mínimo interés [...] Si fuera rico, ya pertenecería a Inglaterra."
Algunhas críticas como a de El País lembran as palabras de Borges: "Evelyn Waugh ha declarado: Distracciones: comer, beber, dibujar, viajar, calumniar a Aldous Huxley. Odios: el amor, la buena conversación, el teatro, la literatura, el principado de Gales.
Outras críticas nos dan claves vitais deste escritor que aporta un necesario sentido do humor nestes días de tanta crispación.