lunes, 28 de octubre de 2019

29 de outubro: 84, Charing Cross Road de Helen Hanff

Mañá comezamos unha nova tempada da sección de Adultos do noso Club de Lectura do IES Sofía Casanova. E xa van unhas poucas, tantas que perdín a conta!
E iniciamos o curso cunha noveliña moi curta e loada de ler: 84, Charing Cross Road, de Helen Hanff (1970). O título alude á dirección da librería londinense Marks & Co, con cuxo responsable, Frank Doel, se carteou a escritora norteamericana durante uns anos posteriores a Segunda Guerra Mundial, de 1949 a 1969. 
Helen Hanff decidiu dar a coñecer esta correspondencia. A obriña, pola súa viveza e encanto, gustou de inmediato e tivo tanto éxito que foi levada ao teatro e incluso foi adaptada a unha preciosa versión cinematográfica en 1997, La carta final, película de David Jones, con Anne Bancroft e Anthony Hopkins nos papeis de Helen e Frank, que foi gañadora dun BAFTA á mellor actriz.


Pero quen era esta escritora descoñecida que tan amablemente e con tanto sentido do humor se escribía co eficiente e serio libreiro británico? Helen Hanff (1918-1997) era unha escritora xudía, autodidacta, que traballaba fundamentalmente como guionista da televisión; pasou por moitas penalidades ata que o éxito chamou á súa porta precisamente grazas a esta novela de 1970. Posteriomente escribiu as súas memorias Underfoot in Show Business,  na que narraba a súa loita por trunfar no mundo do teatro de Nova York. Traballou tamén como publicista. 


No pequeno libro de 84 Charing Cross Road hai moitas cousas: amor aos vellos libros, amizade (e algo máis) entre estes dous seres tan diferentes, Helen e Frank, cada un a cada lado do Atlántico... Pero tamén encontramos a preocupación, máis alá da mera relación comercial, entre Helen e o pequeno universo dos traballadores da librería, cos que se comprometeu tanto que chegou a mandarlles comida e regalos tratando de paliar a escaseza da postguerra en Reino Unido. E iso que a Helen non lle sobraba o diñeiro precisamente. Por iso e porque odiaba voar, foi pospoñendo a súa prometida visita a Londres e cando por fin o fixo en 1971, xa era tarde para Frank, que morrera en decembro do 1969 e aínda para a propia librería que pechara para sempre. Así que solo poderá coñecer a Nora, a viúva de Frank e ás súas fillas, Sheila e Mary. Pero si poderá disfrutar do éxito das adaptacións televisivas (BBC, 1975) e teatris (Londres, 1981; Broadway, 1982) desta pequena peza.
A pesar do éxito, Helen Hanff continuou vivindo no mesmo modesto apartamento da rúa 72, en compañía dos vellos tesouros bibliográficos que con tanto amor e celo profesional lle conseguira Frank Doel.