domingo, 28 de abril de 2019

30 de abril: DISTINTAS FORMAS DE MIRAR EL AGUA DE JULIO LLAMAZARES

O vindeiro martes comentaremos a novela de Julio Llamazares: Distintas formas de mirar el agua (Alfaguara, 2015) pola que quedou finalista do Premio da Crítica de Castilla y León. Antes de que se fallara o premio, o escritor manifestou a súa renuncia ao mesmo no caso de logralo.


A novela constitúe unha dobre despedida: o adeus a Domingo, o vello morto cuxas cinzas van botar nas augas os seus parentes; e a despedida dunha aldea, Ferreras, anegada polo pantano. Aldea que sempre estivo na memoria de Domingo, na da súa muller Virginia e nas dos seus fillos e aínda  nas dos seus netos que non a coñeceron.
A dor das xentes por culpa das terras roubadas polas augas é un tema recorrente na traxectoria do escritor. Non en van naceu  en 1955 precisamente nunha aldea, Vegamián, (onde viviu nove anos como fillo do mestre), logo asolagada polas aguas do progreso. Moitas veces falou Llamazares deste tema na prensa, pero onde mellor o plasmou foi nas súas obras.


Especialmente na súa novela máis coñecida, La lluvia amarilla, fala deste abandono dos pobos en prol do progreso. Progreso representado nos pantanos, tan propios da época tardo franquista que vendeu ao exterior os logros do seu programa tecnocrático, sen querer ver as súas terribles consecuencias para os individuos, as familias e os pobos. Todos tiveron que renunciar ás súas raíces, ao seu contorno natal, aos seus mortos enterrados alí, á súa memoria, en fin, a cambio de feos pisos en extrarradios de cidades industriais. O desgarro para os vellos ás veces foi insalvable e non foron quen de acomodarse ao novo estilo de vida. E os efectos destas medidas os estamos a pagar aínda cincuenta anos despois. E hoxe con moita viveza no drama do que se deu en chamar "A España vaciada", da que ninguén se lembra senón en épocas electorais.


Pola miña parte, na provincia da miña nai, Huesca, tamén se viviron escenas semellantes. Sempre recordarei o relato da miña avoa das últimas festas de Lanuza, onde todo o pobo trataba de divertirse pero non podía deixar de pensar que á fin do verán, todos tiñan que partir da aldea. Dúas irmás anciás, donas dun vello pazo infanzón, venderon ao meu tío a reixa de ferro da súa casa. Preferimos que a quede vostede antes de que a traguen as augas. Elas  non levaron as chaves, poque as quedara meu tío, pero tantos outros sí. Vexo cada ano a reixa de Lanuza na casa da miña avoa en Panticosa e non poido menos de lembrar as dúas irmáns anciáns que tantas veces a cruzaran.

Julio Llamazares preséntanos na obra que lemos unha historia sinxela, o adeus de Domingo. E o fai cun estilo que lle é propio, moi lírico. Elixe a estrutura do perspectivismo, adicando cada capítulo ao punto de vista dun personaxe, para, como nos aclara dende o título, presentar "distintas formas de mirar a agua". Dende o máis cercano ao morto, Virginia, a súa víuva, que tivo as mesmas experiencias do seu home, ata os seus catro fillos: Teresa, Toño, Virginia e Agustín, os seus xenros e noras, os seus netos. Nos 16 monólogos cada vez a lembranza da aldea perdida é menor, a distancia emocional de cada un ao drama orixinal máis grande. Pero esta estrutura caleidoscópica enriquece o texto. Deixando sen xuzgar os feitos. Cadaquén que saque as súas conclusións. Dende os partidarios do  progreso (un dos netos de Domingo é precisamente enxeñeiro) ata os detractores.

Como dixemos, Julio Llamazares deixa a aldea natal de forma traumática. Instálase cos seus en Olleros de Sabero na conca carbonífera leonesa. Estuda Dereito pero traballa como periodista. Como narrador deuse a coñecer en 1985 pola porta grande con Luna de lobos e tres anos despois publicou La lluvia amarilla. Ambas finalistas ao Premio Nacional de Literatura.


A figura de Llamazares podemos considerala poliédrica. Ademais de narrador é un notable poeta encadrado dentro da  xeración dos 80 ou Os novísimos. Destaca tamén a súa adicación aos libros de viaxes, con textos como El río del olvido (1990), Trás-os-montes (1998), Cuaderno del Duero (1999). Cultiva o ensaio en El entierro de Genarín (1981) e Los viajeros de Madrid (1998). Recolle os seus artigos periodísticos en Babia (1991), Nadie escucha (1993). Tamén salienta como guionista de cine.
Volvendo ás súas narracións, en 1994 escribiu Escenas de cine mudo, El cielo de Madrid (2005), Las lágrimas de san Lorenzo (2014) e Distintas formas de mirar el agua (2015) que estamos a comentar.

A prensa recolle interesantes críticas a Distintas formas de mirar el agua como a de Babelia ou El cultural.
En canto ao seu estilo, destaca o seu intimismo, a busca dun léxico coidado e lírico, sobretodo nas pasaxes descriptivas. O seu gusto pola natureza, pola súa particular Arcadia ou Idade de Ouro perdida que moitos identifican coas aldeas asolagadas polas augas de tantos montes da nosa península.

Esperemos que a xuntanza do martes nos dea para falar moito e ben desta obra.