martes, 23 de noviembre de 2021

EL CUARTO DE MONA de DARÍO AUTRÁN



EL CUARTO DE MONA
, é unha longametraxe do director Darío Autrán, un actor, guionista, director e montador de cine que ten unha dilatada e prolífica carreira no teatro, no cine e na televisión. El é natural de Pontevedra (1987), pero criouse na cidade de Ferrol e estudou o Bacharelato no IES Sofía Casanova. Abigail Montiel, antiga alumna, e actriz da serie Matalobos, nunha entrevista en La Voz de Galicia no 2016, lembraba que xa naquela época daba mostra de tener un mundo interior moi rico. “Acórdome que sempre estaba escribindo historias nas servilletas de papel da cafetería…” 
Darío, nesta película, na que participan recoñecidas figuras do audiovisual galego como, Sabela Hermida, Melania Cruz, Manuel Manquiña, Isabel Blanco, Pedro Picos, Xosé Bonome, Germán Torres, Rosalía Castro e Mayte Braña, conta a historia de Mona (Sabela Hermida) unha muller á que todo lle vai mal. Ela soña con ser actriz e en plena crise dos corenta, vese sen traballo, sen parella e sen diñeiro polo que decide rematar os seus días tirándose por unha ponte; con todo, unhas chamadas no último momento lembraranlle que queda pouco para os seus aniversarios. O que parece que pode ser un intento de volver á normalidade na súa vida desencadeará nunha semana frenética con todo tipo de situacións disparatadas. É unha comedia que fará rir ó espectador pero tamén mirar con ollos críticos canto o rodea. En palabras do propio autor, a película narra “unha semana frenética, un vía crucis profano” na vida desta muller. E propón unha “crítica amable e velada de todos os estamentos da sociedade”, á vez que quere dar visibilidade ao problema da saúde mental, “máis importante que nunca pola devastación que vivimos” nestes tempos de pandemia.
Estes días está sendo programada nos Multicies Odeón de Narón.



MEMORIAS DE UN SOLTERÓN


Emilia Pardo Bazán escribe nun período de madurez, Memorias de un solterón (1896) que xunta con Doña Milagros(1894), caracterizan a etapa naturalista na súa obra, inspirada polas lecturas de Balzac, Zola ou Galdós . A novela céntranse na descrición e análise das relacións entre home e muller, e na institución legal que as regula: o matrimonio. A situación da muller na súa época e un tema que desenvolverá tamén noutros textos e nalgún ensaio.“La educación del hombre y de la mujer”(1892) como podemos comprobar no libro: El encaje roto.
Memorias de un solterón está narrada en primeira persoa por Mauro Pareja, que nos leva a coñecer á familia Neira e á súa filla Feíta, en Marineda, na Coruña, nun ambente burgués. A autora emprega un ton irónico e cáustico co que irá caracterizando a sociedade do seu tempo, por medio do persoaxe de Feíta que co seu caracter impulsivo e rebelde enfróntase a sociedade sexista e reacionaria na que lle toca vivir.

lunes, 24 de mayo de 2021

"LA CONFESIÓN DE SOTELO": A NOVA NOVELA DO GUILLERMO FERRÁNDEZ

 “NESTE TEATRO TAMÉN OS ACTORES MORREN”  


Guillermo Ferrández, o noso antigo compañeiro, profesor xa xubilado de Lingua Castelá e Literatura do IES Sofía Casanova, publicou en plena pandemia unha nova novela: La confesión de Sotelo (Madrid, Adarve, 2020). As circunstancias impediron que puidese facer unha presentación como merecía; por iso, queremos, dalgunha maneira, dar difusión á que consideramos unha moi notable novela. 

Noutras ocasións, ocupámonos da súa figura, tan recoñecible nas nosas rúas ferrolás; das súas outras novelas como Conacho e La piedad del invierno; ensaios como El ferrolano ou La llave inglesa; poemas recollidos en Escolma Salvaxe; e da súa actividade divulgativa como nas xornadas de Poesía Salvaxe. 

Agora queremos dedicar a nosa atención á nova novela, preciosamente editada por un moi interesante novo selo editorial madrileño, novela que, fronte ao seu costume, non ten como marco referencial a Ferrol, nin sequera a Galicia. 




A acción parte doutra cidade do norte, Santander, pero enseguida vira cara ao sur, cara a Níjar (Almería). A formulación argumental (e non facemos espóiler pois isto desvélase no primeiro momento) é o terrible diagnóstico médico que recibe un empregado de banca, de perfil bastante gris, ao que dan menos dun ano de vida. O noso Ramón Sotelo, decide coller o touro polos cornos e asistir aos seus últimos meses da forma que él escolla, sen hospitais, sen caras de conmiseración. Decide facer tábula rasa co seu anódino pasado, e escolle ao azar un novo fogar. Cunha clara crítica ao sistema, decide compensarse polos malos momentos do seu oficio, pedindo ao seu antigo banco un crédito difícil de devolver. E ir riscando os seus últimos días nun novo calendario, como os presos, aínda que as marcas no canto de conducilo á liberdade, levarano á súa propia morte. 

Sorprende, por orixinal, a técnica narrativa empregada: a do magnetófono, explicada polo propio narrador. Permitiranos asistir a unha especie de “Douscentos días con Sotelo” ao estilo das Cinco horas con Mario. A inminencia da morte soltoulle a lingua ao eu narrativo e non para de parolar, charlar, monologar nun testamento, esconxuro, confesión... Sen nada que perder, saldará contas con todo e con todos. 

Pero, de súpeto, esa fervenza de palabras dá un inesperado xiro, e ábrese para acoller, tanto no magnetófono como na trama, outra voz, a de Massa, un raparigo senegalés que traballa nos campos de Níjar. Sempre Ferrández sentiu moi dentro de si a militancia social e aquí aproveita para radiografar unha das inxustizas máis sanguentas da nosa época, a inmigración. O antiheroe, ferido de morte pero non vencido, converterase en auténtico heroe cuxo sacrificio final non será inútil. 

A novela pasou de confesional a social. Pero, ao final, nunha terceira volta de torca, xira a novela policíaca, coa resolución dun caso no que intervirán os personaxes canónicos do subxénero: malvados, testemuñas, policía, xuíz, xornalista de investigación, dama en apuros.... 

Non adiantamos máis. Só que o lector vai gozar, ademais de coas reflexións de Sotelo e as súas peripecias postremeiras, cun coidadoso exercicio de estilo, ao que xa nos ten afeitos o autor. Con imaxes prodixiosas (“a vida é como a bola de laranxa que se fai con moito traballo...” p. 163-5) E, especialmente, cun necesario exame de conciencia de quen está á beira do precipicio, que serve de espello ao que teremos que  facer todos nós, pois a nosa única certeza é ese último destino na nosa viaxe.