“NESTE TEATRO TAMÉN OS ACTORES MORREN”
Guillermo Ferrández, o noso antigo compañeiro, profesor xa xubilado de Lingua Castelá e Literatura do IES Sofía Casanova, publicou en plena pandemia unha nova novela: La confesión de Sotelo (Madrid, Adarve, 2020). As circunstancias impediron que puidese facer unha presentación como merecía; por iso, queremos, dalgunha maneira, dar difusión á que consideramos unha moi notable novela.
Noutras ocasións, ocupámonos da súa figura, tan recoñecible nas nosas rúas ferrolás; das súas outras novelas como Conacho e La piedad del invierno; ensaios como El ferrolano ou La llave inglesa; poemas recollidos en Escolma Salvaxe; e da súa actividade divulgativa como nas xornadas de Poesía Salvaxe.
Agora queremos dedicar a nosa atención á nova novela, preciosamente editada por un moi interesante novo selo editorial madrileño, novela que, fronte ao seu costume, non ten como marco referencial a Ferrol, nin sequera a Galicia.
A acción parte doutra cidade do norte, Santander, pero enseguida vira cara ao sur, cara a Níjar (Almería). A formulación argumental (e non facemos espóiler pois isto desvélase no primeiro momento) é o terrible diagnóstico médico que recibe un empregado de banca, de perfil bastante gris, ao que dan menos dun ano de vida. O noso Ramón Sotelo, decide coller o touro polos cornos e asistir aos seus últimos meses da forma que él escolla, sen hospitais, sen caras de conmiseración. Decide facer tábula rasa co seu anódino pasado, e escolle ao azar un novo fogar. Cunha clara crítica ao sistema, decide compensarse polos malos momentos do seu oficio, pedindo ao seu antigo banco un crédito difícil de devolver. E ir riscando os seus últimos días nun novo calendario, como os presos, aínda que as marcas no canto de conducilo á liberdade, levarano á súa propia morte.
Sorprende, por orixinal, a técnica narrativa empregada: a do magnetófono, explicada polo propio narrador. Permitiranos asistir a unha especie de “Douscentos días con Sotelo” ao estilo das Cinco horas con Mario. A inminencia da morte soltoulle a lingua ao eu narrativo e non para de parolar, charlar, monologar nun testamento, esconxuro, confesión... Sen nada que perder, saldará contas con todo e con todos.
Pero, de súpeto, esa fervenza de palabras dá un inesperado xiro, e ábrese para acoller, tanto no magnetófono como na trama, outra voz, a de Massa, un raparigo senegalés que traballa nos campos de Níjar. Sempre Ferrández sentiu moi dentro de si a militancia social e aquí aproveita para radiografar unha das inxustizas máis sanguentas da nosa época, a inmigración. O antiheroe, ferido de morte pero non vencido, converterase en auténtico heroe cuxo sacrificio final non será inútil.
A novela pasou de confesional a social. Pero, ao final, nunha terceira volta de torca, xira a novela policíaca, coa resolución dun caso no que intervirán os personaxes canónicos do subxénero: malvados, testemuñas, policía, xuíz, xornalista de investigación, dama en apuros....