miércoles, 27 de marzo de 2019

COMENTANDO IRSE DE CASA


Onte a nosa xuntanza sobre a novela Irse de casa de Carmen Martín Gaite resoltou moi interesante. O sentimento unánime foi positivo, case de entusiasmo ante a derradeira obra da escritora salmantina. Aínda que a algúns costou un pouco encaixar todas as pezas deste tapiz (nunca mellor dito, dado o oficio da protagonista) ao final conseguírono e descubriron un prodixio en canto ao estilo e o xogo de narradores.

A película de Jeremy sobre La calle del Olvido será o producto final que Amparo deixe, unha vez que é quen de viaxar no espazo (a súa patria chica de cidade provinciana que non queda claro que sexa Salamanca) e no tempo (40 anos non son nada?), e poida deixar atrás os fantasmas da súa dura infancia, os seus complexos, a incomprensión da nai, que tiña engaiolados nunha mochila.
A novela constrúese coma unha sucesión de escenas cinematográficas que van engarzando a película final. Ademais do cine, ten moita importancia a música, sobre todo co contraste entre a zarzuela (que nos dá uns dos momentos máis cómicos da obra a cargo do personaxe, xenial, de Marcelo), e a balada Yesterday dos Beatles (que é a música de fondo da escena máis romántica de todas, esa espléndida e outonal cea de aniversario entre Abel Bores e Amparo Miranda).
Tamén é posible rastrexar pegadas da propia autobiografía da escritora: sobre todo na figura de Olimpia, que parece ser a primeira en ter na cabeza, insuperable conxunción  de decadencia e resistencia. Outros viron a sombra do exmarido Rafael Sánchez Ferlosio (aínda vivo) en Agustín Sánchez del Olmo (separado de Manuela Roca, pero unido a ela aínda despois de morta). O clima tan dos 90 co tema como as drogas e a sida pode recordarlle á escritora a súa experiencia sobre o tema, na persoa da súa filla. Así como os anos pasados en Nova York xorden dende o pórtico da obra.


Como di na dedicatoria, e insitimos na metáfora xa comentada ao principio: "un tapiz consta de tantos hilos que no puedo resignarme a seguir uno solo; mi enredo proviene de que una historia esta hecha de muchas historias. Y no todas puedo contarlas." Clarice Lispector: Felicidad clandestina.
Así, a novela non soamente trata a historia de Amparo Miranda, sino de unha morea de personaxes que desfilan polas súas páxinas e cuxos fíos están trenzados, por relacións de familia, de afecto, de traballo... Xa citamos algúns deles: Olimpia, Manuela, Abel, Marcelo, Agustín, Jeremy... Pero quédannos outros moitos: a familia de Amparo: a súa nai que se arrepinte tarde do seu fracaso ao educar a Amparo e busca no seu neto Jeremy atopar o afecto; o seu home Gregory, tan en sombra pero tan comprensivo, o seu amante Ralph, que nunca pode dar a talla..., os seus fillos tan perdidos...
Os secundarios que rodean aos citados: como Tarsi, traumatizada pola súa soltería e desclasada ante a familia todopoderosa da súa cuñada Manuela; Valeria, que tras apostar pola súa parella en contra da familia tradicional, síntese abandonada e traicioada e non se atreve a recoñecelo ante aquela. Entre estes secundarios, emerxen os tradicionais criados do mundo de teatro clásico (Rufina, Ricardo, Susana, ...) que serán os que nos narren, sobre todo ao final, a despedida de Amparo, as súas últimas horas en España. E como non, no fondo do tapiz o xenial coro grego de cotillas, que  non serán quen de recoñecer a Amparo... De feito, soamente el, Abel, será o que a recoñeza. Discutimos se a porta desta relación corenta anos despois poido quedar aberta ou pechada. En todo caso, coincidimos en que o final é esperanzador, ela decide dar un xiro á súa vida. Soamente ao "irse de casa" pode apreciar o que deixou, o que perdía...
Dúas imaxes que chamaron a atención: as cerezas que unen a Marcelo e a Agustín na divertida escena da frutería, que serven de metáfora de como estamos unidos unos aos outros. ("bueno, digamos que nos unen las cerezas -concedió con un poco de guasa" p. 107); e o cadro do árbol da vida, que agradezo a Pepe que mo facilitara "Alegoría del ábol de la vida" (Ignacio de Ries, 1653):



"¿Se encuentra usted bien? Sí, gracias, es que estaba pensando antes que ese árbol de la vida lo llevamos por dentro, y nos están serrando el tronco y no nos damos cuenta." (p. 97) 

Para rematar (pois poderiamos seguir falando moito máis), deixamos aquí algunhas citas que gustaron e foron lidas e comentadas onte:
"Cerró los ojos. Cuando se aprietan fuerte los ojos, la soga de las imágenes obsesivas afloja su cerco hasta que llega a romperse y entonces puede cumplirse el milagro: el moscardón de la angustia vuela a otro arbusto y el tiempo, a zancadas de siete leguas, ha mudado el escenario del recuerdo. Pero no hemos visto ni oído a los tramoyistas." (p. 193)
"Hay tres puntos claves en ese borrador - se dijo-, uno el encuentro con mi armario de luna, otro la entrada en una casa donde se han demolido todos los tabiques que oprimieron mi infancia, y el tercero la voz desgarrada de Olimpia invocando al vacío una respuesta sin esperanza, ¡respondedme!, mientras yo me escondía tras un árbol. (p. 287)


No hay comentarios:

Publicar un comentario